Muki Xogos
Entón… quen está detrás de Muki Xogos? Como xurdiu a idea?

Chámome María aínda que todos me coñecen coma Muki, hai un tempo decidín unir dúas das miñas paixóns favoritas: a montaña e os xogos, e comezar a desenvolver xogos relacionados coa escalada e o alpinismo. O resultado foi Cordadas: trasnadas camiño do cumio! A idea orixinal, os debuxos e deseños son todos meus.
A idea xurdiu un día tomando un café cuns amigos antes de ir escalar en Baleira, en Lugo. Orixinalmente, o deseño do xogo era un xogo de mesa con taboleiro, fichas, dados e cartas, xogo que non descarto facer nun futuro. Pero, facendo unha travesía por Picos de Europa dinme conta de que eu na mochila só metía unha baralla de cartas polo que decidín adaptar o xogo só a cartas.
Velaquí tedes o deseño do taboleiro orixinal en cartolina que nesta versión do xogo se converteu no envés das cartas.
Para lanzar o primeiro xogo, Cordadas, saquei unha campaña de crowdfunding a través de Verkami que foi todo un éxito e, co tempo, espero poder continuar a facer novos xogos!