Gorilas!!! Escala xogando
Un xogo de cartas para adestrar resistencia e habilidade e divertirse escalando cos amigos
Desafía os teus amigos! Quen resistirá máis e será a líder da manda? Gorilas!!! é un xogo de cartas para xogar escalando: escolle a túa parede favorita, escolle os teus rivais e a modalidade de xogo… quen será o Gorila vencedor?
Gorilas!!! consta de 80 cartas que representan máis de 20 accións diferentes. As instrucións están en galego, español e inglés. É un xogo tanto para crianzas como para adultos. Idealmente, está pensado para xogar e adestrar resistencia e habilidade no muro de densidade do teu rocódromo.
Gorilas ten diferentes modalidades de xogo: bloque gorileiro, a líder da manda, gorilas daltónicos, duelo de gorilas… Dependendo da modalidade de xogo, poden xogar desde 2 xogadores a todos os que caiban na parede!
En Gorilas teredes que repetir na parede os movementos que as cartas indiquen. Para preparar o xogo só hai que escoller a modalidade de xogo á que queredes xogar e decidir quen será a Gorila Comodona, é dicir, a persoa que non vai escalar.
Esta persoa vai sacar as cartas dunha en unha, dicindo en alto os movementos que os xogadores terán que repetir, adaptándose a cada modalidade de xogo (ver as modalidades máis adiante). En cada rolda poderedes cambiar ao Gorila Comodón.
E, que tipo de cartas encontraredes no xogo?
Cartas que indican movementos de pés e mans, poden ordenar mover só un pé ou unha man, dous pés ou dúas mans ou un pé e unha man á vez. O seu valor é +1 ou +2.
As cartas pódenvos indicar aos gorilas que esteades a xogar que xuntedes os vosos pés ou mans na mesma presa. Estas cartas valen +2 puntos.
O Gorila Comodón tamén vos pode mandar que aguantedes na posición que estades. Pode ser que teñades que aguantar 5” ou 10”. Estas cartas valen +2 e +3 puntos.
As cartas van aumentando en grado de dificultade, conseguiredes aguantar? Hai cartas que vos van obrigar a cruzar pés e mans, a quedarvos pendurados das mans ou a soltar unha man. Estas cartas valen +3 ou +4 puntos.
Calcañar, pé-man, bicicleta, bandeira… o xogo cada vez ponse máis técnico, seguides aguantando na parede? Estas cartas valen todas +4 puntos.
Fai o Gorila! O último dos movementos da nome ao xogo, solta as dúas mans ao mesmo tempo e colle outras dúas presas á vez. Estas cartas son as que máis valen de todos os movementos, +5 puntos
Estas aguantando tanto que mereces un premio, coa carta de Banana pódeste recolocar como queiras pero, coidado! coa carta de Trasnada, o Gorila Comodón poderá escoller o movemento que queira que fagan as xogadoras.
Por último, as Cartas de Bloque úsanse na modalidade de xogo Bloque Gorileiro para sinalar presas e crear bloques.
Vale, xa sabedes que cartas hai pero… e as Modalidades de Xogo?? Vexamos…
A líder da manda
Modalidade de xogo para máis de 3 xogadores na que os participantes subirán á vez á parede mentres que o Gorila Comodón vai sacando cartas dunha en unha e dicindo en alto os movementos que terán que facer as xogadoras. É un xogo de resistencia e habilidade! A Gorila gañadora será quen máis cartas aguante na parede sen caer.
Bloque gorileiro
Modalidade de xogo para máis de 2 xogadoras, nesta ocasión, os Gorilas subirán de un en un á parede intentando facer un bloque que o Gorila Comodón sinalou previamente, sempre repetindo os movementos que indiquen as cartas. Cando a xogadora caia, contaremos os puntos que aparecen nas cartas que conseguiu facer. O Gorila gañador será quen máis puntos acumule, chegara ou non ao TOP.
Duelo de gorilas
Modalidade para 2 xogadoras. Seguindo o esquema do 2+2 clásico, cada xogador ten 10 cartas na man que o contrincante non ve. Quen comeza escalando escolle presas de saída na parede, por quendas, cada xogador irá engadindo 2 presas de mans máis ao recorrido pero sempre movéndose como lle indica o compañeiro que escollerá 2 cartas das que ten na man para indicarlle os movementos. Unha vez feitos os 2 movementos, as cartas usadas quedan xa á vista e o que está escalando baixa da parede, comeza a quenda da compañeira que ten que repetir os mesmos movementos nas mesmas presas que o anterior e engadir 2 presas máis ao recorrido seguindo as instrucións do compañeiro. Seguimos facendo quendas ata rematar as cartas ou ata que un dos escaladores caia. Gaña quen consiga rematar o percorrido sen caer.
Gorilas daltónicos
Esta modalidade de xogo pódese aplicar a calquera das anteriores para facelas máis difíciles usando o punto de cor que aparece nas cartas ao lado da puntuación. Este punto indica que nese movemento non se poderán usar presas desa cor.
Gorilas afeccionados e profesionais
A dificultade dos modos de xogo anteriores pódese variar, por exemplo, podemos facer que sexa máis difícil prohibindo repetir presas nos diferentes movementos.
Tamén podemos facer que as partidas sexan máis sinxelas retirando da baralla as cartas que supoñen unha maior dificultade.
Bótalle imaxinación e inventa novas normas!
Bota unha ollada aos videos para máis información!
Como se xoga a Gorilas | A líder da manda
Como se xoga a Gorilas | Bloque Gorileiro
Como se xoga a Gorilas | Duelo de Gorilas
Como se xoga a Gorilas | Gorilas daltónicos
Queres ler as instrucións completas? Preme no seguinte enlace e poderás descargar o pdf das instrucións en diferentes idiomas!
Gorilas! Coidade as vosas mans e non paredes de escalar! En colaboración coa familia de Climbskin.
E, lembrade! Na escalada e na montaña, respecto, valores e compañeirismo sempre, pero agora… a dalo todo que isto é un xogo!
Atención, Gorilas, usade o xogo con xeito, Muki Xogos non se fai responsable de posibles lesións.
Idea orixinal e ilustracións: Álex Moro | alx.moro.74@gmail.com
Deseño: Muki Xogos e Álex Moro
Publicado por Muki Xogos