Cordadas: trasnadas camiño do cumio

Un xogo de cartas de escalada e alpinismo. Que é Cordadas? Como se xoga?

Imaxina que es unha intrépida alpinista ou escalador que forma parte dunha famosa cordada, tes un contrato cun importante patrocinador que só poderás cobrar se cumpres un obxectivo: chegar ao cumio levando todo o material que precises para completar a túa vía. Escalada clásica, alpinismo, escalada deportiva… hai moito material diferente para cada tipo de actividade, conségueo para rematar o xogo. Pero… coidado! O resto das xogadoras tamén queren acadar fama mundial e chegar os primeiros, polo que atoparás múltiples obstáculos no teu camiño.

Cordadas é un xogo de cartas de 2 a 6 xogadores cheo de trasnadas, homes mortos e fenómenos meteorolóxicos adversos que se interporán entre ti e o cumio. Aínda que sexa de temática montañeira, calquera pode xogar xa que se basea nun código de cores e símbolos. A 1ª edición do ano 2023 foi bilingüe, en galego e castelán. Tras vender unhas 1000 copias en menos dun ano, en xuño de 2024, saíu á venda a 2ª edición na que se engadiu tamén o inglés.

Ademais dunha nova lingua, a 2ª edición de Cordadas inclúe varias melloras a nivel deseño e a adaptación do xogo a persoas con dificultades para distinguir as cores.

O xogo consta de 79 cartas divididas en diferentes tipos: cartas de actividade, cartas de materiais, trasnadas, cartas de axuda, cartas home morto e cartas de meteoroloxía adversa.

Cartas actividade

O xogo comeza co sorteo das cartas de actividade que decidirán o tipo de material que cada xogadora deberá reunir: escalada clásica, alpinismo ou escalada deportiva.

O obxectivo do xogo é conseguir poñer sobre a mesa 6 cartas de materiais relacionadas coa actividade que che tocou así, hai cartas de materiais vermellas co símbolo dunha lúa na esquina superior dereita que se corresponden a Escalada Clásica, cartas de cor azul cunha estrela na esquina que se corresponden a Alpinismo, cartas de cor amarela cun círculo como símbolo que se corresponden a Escalada Deportiva e cartas de materiais comúns de cor gris que valen para os tres tipos de actividade e que se indentifican polo 3 símbolos na parte superior.

Cartas de materiales
Cartas trasnadas

O resto dos xogadores intentarán evitar que as súas contrincantes gañen o xogo por medio de cartas de trasnadas. Hai 5 tipos de trasnadas: roubo, eliminación e dano de materiais, roubo de carta de axuda e cambio de vía.

Ademáis de cartas de meteoroloxía adversa coas que poderás amolar aos teus adversarios. Néboa, furacáns, treboadas, sol abrasador e chuvia a mares farán que os teus contrincantes teñan que mudar a súa estratexia.

Cartas Meteo
Cartas home morto

Pero… no medio do teu camiño cara o cumio atopas o cadáver doutra montañeira que saqueas para aproveitar o material útil que a ela xa non lle serve. Esta é a carta home morto. Con ela poderás arranxar material danado ou protexerte dalgunhas trasnadas coma o roubo ou eliminación de materiais.

As cartas de axuda dan vantaxes se as tes enriba da mesa. Protección contra trasnadas ou contra meteoroloxía adversa, 5 cartas na man, roubo+1. Todas elas farán máis sinxelo o teu camiño cara o cumio.

Cartas axuda Cordadas

Unha vez que unha das xogadoras consegue 6 materiais útiles para a súa cordada, o xogo detense e comeza o reconto final. Só puntúan as cartas sobre a mesa, as cartas de materiais propios da actividade valen +2 puntos, as cartas de materiais comúns +1 punto, as cartas de axuda +1 punto e as cartas de material danado restan -1 puntos. O xogador que sume máis puntos será o primeiro en acadar o cumio e o gañador!

E lembrade, na montaña, respecto, valores e compañeirismo sempre, pero agora… a dalo todo que isto é un xogo!!

Climbskin

En colaboración coa familia de Climbskin.

Queres ler as instrucións completas? Preme no seguinte enlace e poderás ler as instrucións en diferentes idiomas!

Bota unha ollada aos videos para máis información!

Como xurdiu a idea

Pero… de que vai o xogo?

E logo, como se xoga?

Gústache o xogo?